Thursday 02 de May de 2024

A Xunta participa na presentación do I Premio Asubío de Novela FMJJ Infancia e Mocidade pola Inclusión


A Consellería de Cultura colabora coa iniciativa literaria impulsada pola Fundación María José Jove e Hércules de Edicións para promover a creación literaria e a sensibilización en contra da exclusión social da infancia e da mocidade

A Xunta de Galicia, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo delegado territorial na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na presentación do I Premio Asubío de Novela FMJJ Infancia e Mocidade pola Exclusión, que impulsan a Fundación María José Jove (FMJJ) e Hércules de Edicións coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de promover a creación literaria e a sensibilización en contra da exclusión social da infancia e da mocidade.

O responsable de Política Lingüística agradeceulle á presidenta da FMJJ, Felipa Jove, “a posta en marcha desta nova iniciativa de apoio ao sector cultural e o seu compromiso coa inclusión social” e destacou o valor “deste novo certame literario e os seus obxectivos, entre os que se inclúen a dinamización da lingua galega desde a literatura e a sensibilización en contra da exclusión da infancia e da mocidade tanto desde a escrita como desde a lectura”.

Canda eles, participaron na presentación a escritora Espido Freire e a responsable de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez.

Fomento da creación
O Premio de Novela Fundación María José Jove I Premio Asubío de novela FMJJ Infancia e Mocidade pola Inclusión é unha iniciativa de carácter bienal que ten como obxectivos promover o fomento e a creación de obras literarias que aborden o tema da infancia e da mocidade en risco de exclusión social e que favorezan o coñecemento sobre este tema, nomeadamente entre a xente nova.

A concorrencia ao galardón está aberta a autores de calquera nacionalidade ou residencia, maiores de idade, que presenten unha obra literaria individual, orixinal e inédita de extensión mínima de 150 páxinas escrita en castelán ou en galego baixo a temática da infancia ou mocidade en risco de exclusión social (infancia e/ou mocidade actual, recordos da infancia e/ou de mocidade, novela de aprendizaxe ou memorias literarias, tanto na súa vertente real como imaxinaria) e con contidos arredor da discapacidade, sistema de reforma ou medidas de reeducación, infancia ou mocidade estranxeira non acompañada, en sistema de protección social ou contorna familiar próxima con alcoolismo ou drogodependencia etc.

A solicitude de inscrición está xa dispoñible no web da FMJJ, e o prazo de presentación está aberto ata o vindeiro 30 de setembro de 2021. O ditame do xurado darase a coñecer o 15 de decembro de 2021 e a obra gañadora, que recibirá un único premio económico de 10.000 euros, presentarase en maio de 2022 na sede da Fundación María José Jove. Toda a información pode atoparse no web da FMJJ e as bases no Portal da Lingua Galega.